Sunday 05 de May de 2024

O Plan de Transporte Metropolitano da Área da Coruña bonificou no que vai de ano máis de 4,4 millóns de viaxes en autobús na área da Coruña, un 5,36% máis que no mesmo período do 2018


O Plan segue a sumar usuarios nesta área, onde neste momento están activadas máis de 135.000 tarxetas de transporte metropolitano
O Plan de transporte metropolitano de Galicia permitiu bonificar os oito primeiros meses deste ano máis de 4,4 millóns de viaxes na área da Coruña e rexistrou un 5,36% máis de usuarios que no mesmo período do ano anterior.

O transporte metropolitano nesta área segue así a sumar usuarios e acada neste momento máis de 135.000 tarxetas TMG en vigor.

En canto aos núcleos de poboación que rexistran máis usuarios con dispositivos con viaxes bonificados, o municipio da Coruña se sitúa en primeiro lugar con case 47.000 tarxetas de transporte metropolitano, seguido de Culleredo e Oleiros, superando ambos a cifra de máis de 18.000 tarxetas de transporte metropolitano.

Por orde de número de dispositivos lle seguen os usuarios con dispositivo de Cambre, Arteixo, Sada e Betanzos, con máis de 14.000, 12.800, 7.400 e 6.900 tarxetas. Os concellos de Carballo e Carral superan os 2.300 e os 2.700 dispositivos, respectivamente, e seguen a senda de crecemento de usuarios beneficiados polas viaxes bonificados.

Nesta área os percorridos que rexistran máis viaxes se corresponden cos traxectos que conectan A Coruña e Culleredo, sumando máis de 825.000 entre ida e volta, A Coruña e Oleiros, con máis de 729.000.

Tarxeta Xente Nova
No balance da evolución do transporte metropolitano cabe salientar tamén as máis de 460.000 viaxes en autobús realizadas polos usuarios das máis de 17.600 tarxetas Xente Nova activas, que permitiron aos menores de 19 anos viaxar de xeito gratuíto nos autobuses metropolitanos.

Os mozos que máis viaxes gratuítos realizaron coa tarxeta Xente Nova proceden dos municipios da Coruña, con máis de 4.170 dispositivos e Oleiros, con máis de 2.600, aos que lle seguen os mozos e mozas de Culleredo, Arteixo, Cambre e Sada con 2.286, 2.050, 1.961 e 928.

Plan social de transporte
O Plan de Transporte Metropolitano é un programa social impulsado pola Xunta que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.

Este plan, que mediante o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permite descontos medios do 50% nas viaxes interurbanas, achegando a Xunta de Galicia o 80% do financiamento desas bonificacións no prezo do billete e o conxunto dos concellos o 20% restante. A administración autonómica custea tamén as bonificacións adicionais do 15% que se aplican a usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, así como os descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.

Tamén é de especialmente interese para os mozos e mozas a medida posta en marcha pola Xunta en agosto de 2016, a tarxeta Xente Nova, coa que o transporte interurbano metropolitano é gratis para os menores de 19 anos.

A Xunta mantén o seu compromiso con este programa social para fomentar o uso do transporte público colectivo ao tempo que se axuda á economía das familias.

Extensión dos beneficios a toda Galicia
Actualmente, a Xunta está a traballar na renovación e renovación integral de todas as liñas de autobús interurbano da Comunidade, que se desenvolverá a través da implantación do Plan de Transporte Público de Gailcia, que culminará en 2020.

Esta iniciativa prevé a extensión a toda Galicia das vantaxes do Plan de transporte metropolitano e da Tarxeta Xente Nova, pola que os menores de 19 anos viaxan de balde no transporte interurbano.